domingo, 8 de abril de 2018

CARITAS PREMIADA




Nestes días temos visto os premios que recibe Cáritas en Galicia e na nosa Diocese. Un recoñecemento do Parlamento de Galicia e da Cadena Cope para unha comunidade, a dos crentes, que manifesta a cercana misericordia, a tenrura e o acompañamento cos irmáns que padecen. Son de agradecer as verbas de admiración dos que entregan o galardón. Lembra os relatos dos primeiros tempos cando era de admirar a bondade dos seguidores do Señor Resucitado. 
Pero antes de nada, o primeiro que pronunciaron foi "mirade como se aman". Logo para poder ser amor o primeiro hai que selo co que está ao teu carón. Mirade como se aman é un primeiro corazón, amarmos uns a outros como o señor nos ten amado. O primeiro mandamento, a primeira condición, é vivir unidos estando en comuñón. Vivirmos como irmáns, ter un so corazón, amarnos ata o extremos coidarnos e sabernos perdonar. Unha comunidade fraterna, que cre, ora, celebra e vive o recibido do Señor.
O segundo corazón é sentarmos á mesa fraterna, un banquete de comuñón, Eucaristía e loanza para ser ágape na mesa da humanidade. Convidarmos ao xantar quen está vivindo na casa común, todos sen discriminación, convidando a sentarse a quen está so, abandonado, esquecido e maltratado. Entón poderán dicir "mirade como nos aman".
Un terceiro corazón é o que nos ensina o Señor, o amor de compaixón, misericordia e perdón. Ter ollada desperta, espabilado o ouvido, disposta no consolo a palabra do agarimo. Xesús cando se achegou ao paralítico da piscina unha palabra lle preguntou ¿queres curar?. Ao que o home respostou, claro que quero. Pois levántate e anda. A palabra de Xesús é a de quen fai florecer no home derrotado o desexo de crecer. Non o deixou tirado e empuxou a ver se cura, senón que alentou o seu desexo e provocou que por si mesmo en pe se puxese. Isto é caridade, amar desde o fondo e axudar a que saia da súa postración o que xa non se cre nada. Desde esa miseria e a pobreza da persoa que está mallada, sae o corazón do que está chamado a amar a o ergue para que camiñe polo seu propio pe.
Un cuarto corazón, o máis grande, é o que pecha o logo desta loable institución. Este é o corazón de quen ama sen condición, amou ata o extremo e levounos á salvación. O corazón de quen se entregou no Fillo feito alimento no sacrificio redentor. O corazón que se fai don no Espírito que se derrama sobre os que profesamos vivir no seu amor. Este é o sentido do que hoxe proclamamos Deus se fai banquete, misericordia e doazón.
Poñamos a ollada de María, muller e nai de todos nós, a ollada da tenrura revolución do corazón.
Graciñas a todos os homes e mulleres, voluntarios desta comunidade, que entregados cada día manifestan un so corazón.

Felicidades a Cáritas

Xabier Alonso
A Franqueira, Prado e Lamosa
08-04-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario