jueves, 8 de marzo de 2018

EN FEMININO




Hoxe é día 8, e como cada mes, na Franqueira nos reunimos ás 12 da mañá e ás 6 da tarde, para celebrar a Eucaristía dando grazas a Deus por unha muller: María. Hai ben anos que chegado este mes de marzo, asemade de festexar a S. Xoan de Deus, a reflexión ou as peticións da Misa tiñan unha lembranza especial polas mulleres, con toda a súa magnitude. Hoxe tamén o imos facer. Pero, non na linguaxe coa que estamos a escoitar en moitos foros. Quero que partamos dun texto de S. Paulo, curiosamente ao que acusan en moitas ocasións, entre oytras de machista. O texto pertence á carta aos Gálatas, a carta da liberdade cristiá.
Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque ós que vos bautizaron en Cristo, vestíronvos de Cristo. E todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo Xesús. Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a "descendencia" de Abraham, herdeiros conforme a promesa.
Todo isto acabou, non somos para estar enfrente, senón para camiñar xuntos. Non somos para vivir superando confrontacións, ou para vivir enfrentados, senón para ollar cara o futuro. 
Quero compartir unha pequena reflexión:
Primeiro unha cita
" Si no existe ya un Padre (referido a la parábola del hijo pródigo), no existe una medida objetiva del bien, de modo que el bien pasa a ser el consenso social: está bien lo que todos aprueban, de modo que el gran pecado será el no conformase, el estar fuera del pensamiento corriente, La propaganda reemplaza la moral y la verdad es de quien sabe utilizar los medio sociales"  (Fabio Bartoli. Por suerte existe la cuaresma)

Non quero falar deste tema porque toca, porque está de moda, porque o falan todos, porque temos que dar unha resposta. Quero falar porque hoxe hainos que se enchen as bocas de falar de feminismo para non quedar mal, para ser modernos, porque senón eres raro. Eu quero falar porque quero pensar.

Non quero falar de feminismo, senón da necesidade de non esgazar o senso de ser muller nunha sociedade fragmentada. Estou pasmado ao contemplar un senso globalizado que destrúe o que as veces o senso común, a identidade ou o xeito de vida ve como normal. Non acepto un feminismo globalizador que non repecta unha sociedade como a galega matriarcal, no que a muller non é un trasto, nin a escrava, nin a chacha. A globalización ou o colonialismo cultural vai facendo que pouco a pouco queiramos ser como o que vemos no espello das pantallas, e isto nos alonxa cada vez máis da muller, esposa, nai, traballadora, que sacaron adiante as nosas costas galegas convertendo os areais en fecundos lugares onde recoller o sustento da familia. A muller galega, que tantas veces vexo ridiculizada nun humor zafio, que rotulou con sangue e sudor as leiras e os montes, que domesticou as bestas e fixo das lareiras fogares de tenrura. A muller galega emprendedora, as viuvas dos vivos que na soedade de ter visto marchar aos seus homes a emigración sacaron adiante o labor do fogar. Pero sen os tópicos dunha visión pechada, quero reivindicar a muller galega que goberna o fogar, que sabe de finanzas multiplicando, que invierte pensando no futuro. Quero que non me arrebaten o xeito de ser muller e galega, que acaben convertendo a nosa mocidade nunha copia feita en molde virtual restando o que as mulleres sempre foron nesta terra, insisto matriarcal. 

Que a violencia está nas veas desta sociedade, que xa llo damos na papilla aos cativos. Que as desigualdades están no desprezo ao outro, para eu querer ser máis. Que os perigos e as maldades empezan no corazón. 

Por isto non me gusta unha xornada en que falar de muller non é falar de nai, esposa, filla. Na que o varón e a muller non son rivais, senón necesarios, que precisamos coñecer e coñecermos, romper co de sempre. Falar de respecto por ser quen es, non polo que fas, consegues, logras, senón pola dignidade. De que non so é importante o que manda, senón que todos, varón e muller, por ser persoa está chamado a vivir a dignidade do traballo en que non é so un sustento para o seu, nin un engranaxe dunha maquinaria, senón que es quen fai posible que todo funcione. Porque sexas varón ou muller, podes caer nas redes dun mercado a quen non lle importe quen sexas ou o que penses, ti traballa e consume, produce e gasta, para que isto funcione. Que vivir esta xornada é recoñecer a dignidade da maternidade, de ser fecundidade para este mundo, tan abocado ao fracaso. Que non é cousa de un senón de quen cree e vive a vida, da unidade e da comunión. 

Hoxe, tamén poño a miña ollada na muller crente. Nas consagradas, nos mosteiros e conventos que se autoxestionan. Nas mulleres consagradas pola fe á educación, á sanidade, ao coidado dos pobres, a atención dos maiores. As mulleres consagradas nas misións que levan a Palabra de Deus por todo o mundo. As mulleres que cada día rezan a afondan na Palabra, que a transmiten na evanxelización, que son corresponsables nunha Igrexa comuñón, que gastan a súa vida na comunidade parroquial e entregan o seu para que sexa unha Igrexa fecunda e cercana, alegre e viva. As mulleres que están nas academias de teoloxía, que dan esa vivsión  en clave de muller. Que non ven a Igrexa como un lugar de dignidades e autoritarismos, senón de servizo e ministerios, de diálogo e de sinodalidade, de camiñar xuntos e facer presente o Reino.

Hoxe, diante da Nosa Nai María, xove, esposa, nai, viuva e a quen lle arrebatan o Fillo na cruz, que é nosa Nai porque nos reúne como Igrexa, a Ela, lle encomendo a todas as mulleres.

Feliz día
Xabier Alonso
A Franqueira
08/03/2018







No hay comentarios:

Publicar un comentario