sábado, 26 de septiembre de 2015

CRÓNICA DA ROMARÍA NA HONRA DA VIRXE DA FRANQUEIRA. Setembro 2015




CRÓNICA DAS ROMARÍAS NA HONRA DA VIRXE DA FRANQUEIRA

Non é doado poñer negro sobre branco dunha morea de experiencias vividas ao longo destas semanas na Parroquia- Santuario da Nosa Señora da Franqueira. A mediados do mes de agosto fixo a súa entrada no templo a imaxe de D. Bosco. Unha talla de madeira que se venera en Vigo, e que, ten a fortuna de ser a imaxe máis antiga do fundador da familia salesiana. O mtivo desta peregrinaxe é o de organizar no Santuario o bicentenario do nacemento de San Xoan Bosco. Así, os días 15 e 16 foron moi especiais. Por un lado a Solemnidade da Asunción da Virxe converteuse na antesala desta efeméride. En Honor da Nai de Deus, centro tamén da espiritualidade salesiana, poidemos disfrutar dun fermoso concerto que encheu de ledicia o templo mariano da Franqueira. O matrimonio formado por Agustín e Raquel, fixéronnos pasar un rato máis que agradable a través da música que executaron con violín e guitarra. Unha ofrenda á Nosa Señora para celebrar tamén o seu casamento acaecido hai poucos meses. Presidiu a celebración o P. Segundo, Salesiano, que se acheou tamén ó día seguinte para celebrarmos xuntos o Bicentenario do nacemento do seu fundador. Á tarde do domingo 16 a Eucaristía reuniu a algúns membros da familia salesiana, xóvenes, chegado de diversos lugares de Galicia que despois nos axudaron a comprender un pouco máis este carisma na vida da Igrexa e ao servizo da sociedade cunha tertulia á que asistiron algunhas persoas vinculadas ao santuario.
Comezamos deste xeito a presenza de D. Bosco na Franqueira e que se engadiu coa chegada da cruz dos xoves vinda desde a Catedral de Tui. Unha réplica da cruz que o Papa S. Xoan Paulo II regalou á xuventude do mundo e que percorre os países onde se celebra o encontro mundial da xuventude. Con esta cruz quixemos facer presente unha nova tarefa e é a da atención da mocidade na pastoral do santuario da Franqueira.
A véspera de comezar a Novena na Honra da Nosa Señora, o sábado 29, celebrouse ás 9 da noite a VII peregrinación da mocidade. Unha boa representación de xoves chegados de diversos lugares nos reunimos para ascender en camiñata ata o Coto da vella. Esta vez levamos como testemuña a cruz diocesana. Un camiño que tivo diversos aspectos importantes: adentrarse na noite e o seu significado, descubrir os nosos soños, as nosas ilusións, facer silencio e encamiñarse cara o cumio, ter un momento prolongado de oración onda a cruz, e, chegados aos pes da Virxe, poñer a cor dos nosos soños onda ela para que nos axude a facelos realidade. Non so os nosos, senón tamén, os soños de Deus para nós, coma María, que, disposta acolle e responde ao soño de Deus de salvar. A chegada ao santuario foi sobre as 2 da madrugada, na que, despois dun rato de oración poidemos repoñer forzas cun sabroso chocolate.
Este ano a novena contou ao fin coa predicación de D. Alberto Montes, Delegado de Pastoral Xuvenil, que nos guiou da man da Virxe a coñecer e querer máis á Nosa Señora e a prepararnos alegres á súa festividade. Porque a ledicia foi o lema deste ano “Con maría anunciamos a ledicia do Evanxeo”. Durante os nove días fomos coñecendo na vida da Virxe María o motivo da súa ledicia. Sí, Ela foi e é a muller alegre por excelencia, a muller feliz, e que nos trae a ledicia da presencia do seu Fillo.
Os días centrais da Romaría foi un fervedoiro de xentes que veñen a honrar á Nosa Señora. No día grande, o 8 de setembro, contamos como ñe costume coa presenza do Sr. Bispo D. Luis. Este ano houbo un pequeno cambio na escenificación do Auto sacramental do “Cristián e o mouro”. Na fin da representación, despois da loita, o cristián ofrenda á Virxe as cadeas e as armas da batalla. Pero ata o de agora seguían nas mans deles, así, sendo fieis ao texto, descende o actor e entrega á Virxe o que lle ofrecera. Un signo asemade do desexo de que as armas e as cadeas que aprisionan aos homes queden aos pes de quen é proclamada Raíña da paz. Todo descorreu con normalidade, as danzas e as expresión típicas deste lugar. Unha vez máis a Raíña da Paradanta reinou nos corazóns dos seus devotos.
Tamén como novidade este ano os peregrinos poideron contar cun novo servizo de atención que son as duchas e os vestiarios preparados para eles. Unha obra para que despois do longo camiño teñan a oportunidade de descansar e cambiarse de roupa e participar nos actos de culto co corpo máis descansado. Unha obra que é posible se todos colaboramos e axudamos a levar a diante os diversos proxectos que quere realizar o santuario en beneficio dos devotos da Nosa Señora.
A tarde do día 8 finalizou co concerto de música a cargo da Banda de Música Cultural de Mondariz, que, comezou a súa actuación co pasodobre “De Romaxe á Franqueira” do mestre Roxelio Groba.
Os días 7 e 9 contamos coa presencia de tres sacerdotes que celebran este ano o 50 aniversario da ordenación sacerdotal: D. Jesús Montero, párroco de Beade; D. Xulio Andión, párroco do Sagrado Corazón de Xesús de Vigo e D. Emilio Cabanelas, ata hai pouco párroco de Budiño. Con eles quixemos dar grazas a Deus polo seu ministerio sacerdotal.
O domingo seguinte, día 13, foi chamado “Evangelii gaudium” título da exhortación do papa Francisco que é unha chamada á conversión persoal indentificandose co Evanxeo e ser fieis á chamada do Señor, e, un imperante de sair ao encontro do home de hoxe a anunciar a ledicia da nosa fe. Ao final das celebracións rezábase a oración do Papa dedicada á Virxe, estrela da evanxelización.
Os sádados e domingos foron un continuo ir e vir de peregrinos chegado a pe de diversos lugares. A longa lista hai que engadir os xoves do grupo Abertal que viñeron, creo que representando a toda a mocidade salesiana, o domingo 20, festa dos Poxos e día escollido para a peregrinación salesiana. De mañanciña saiu a imaxe de D. Bosco, fantásticamente adornada, do Santuario para presidir toda a xornada no adro do templo. Unha maña na que os peregrinos da familia salesiana viñan encabezados polo estandarte de María Auxiliadora, e que, reunía en torno a si a todos os seus fillos: Salesianos, Salesianas, Cooperadores, Asociacións, etc que son presencia na nosa Diocese. Unha Igrexa, a nosa, que conta co primeiro sacerdote salesiano de España, o P, Hermida, natural de Morgadáns, Gondonar; e un beato salesiano, Beato Salvador, natural de Crecente e mártir da persecución relixiosa na Guerra civil.
O sol radiante deste día auguraba unha ledicia sen fin durante toda a xornada. Chegada a Misa Solemne, o Sr. Bispo e os diáconos permanentes que o serviron, vestiron as mellores galas cun terno azul antigo que destaca pola súa sinxeleza, pero tamén pola súa beleza artesá. A Eucaristía concelebrada por un nutrido grupo de Salesianos contou coa longa participación e na que se presentou a oración ofrenda á Nosa Señora da man do director en Vigo, o P. Joaquín Nieto. Como testemuña desta esfeméride houbo un intercambio de agasallos para os dous santuarios. O de María Auxiliadora terá unha pequena imaxe da Franqueira, e éste recibiu unha pequena talla de D. Bosco, acompañado de Mamá Margarita e Domingo Savio. Tanto a ofrenda como a homilía do Bispo axudaron a todos a coñecer a apreciar aínda de cabe o carisma de dedicación á mocidade que impulsou o Señor a través de D. Bosco. Rematada a Eucaristía saíu a procesión da Virxe da Franqueira acompañada polas danzas e soando as músicas do grupo de gaiteiros “Os folieiros de Lavadores”. Neste domingo dos poxos tamén houbo un intre para repetir algo do pasado, así, as vacas que estiveron este ano ao servizo da Virxe chegaron á porta do santuario guiados polo soar das gaitas cunha ledicia que enchía de son toda a entorna do templo. O adro ateigado de xente foi o lugar para, unha vez finalizados os rituais propios, encabezou a procesión D. Bosco, rodeado de xoves, que coas súas mochilas, alegres de tan grande labor, daban un ambiente de sorriso dunha mañá xa de por si emotiva. Os poxos deste ano foron prolongados e xenerosos. Unha morea de plantas, algúns animais, licores e viños, mel e outros produtos lograron que se reunisen 750 € para as Misións salesianas, en concreto, un proxecto para Senegal de reinserción de nenos Talibes a través de actividades lúdicas e de axudarlles a valorarse nunha situación de semi escrativude na que están a vivir. Despois do xantar festivo, os peregrinos salesianos tiveron a oportunidade de despedirse da Virxe da Franqueira co canto da Salve. Todo ten que ser agradecemento por todo o que se viviu estas semanas. Un traballo compartido que aínda tivo como protagonistas os máis cativos do colexio este xoves día 24, en que, un gran grupo duns 300 nenos e nenas pasaron a mañá no Santuario da Franqueira como inicio do curso escolar. Os papaventos que lograron que surcasen os ceos da Franqueira, como bolboretas, que deixando a negrura da súa bolsa na que son bermes, renacen para voar coma novas creaturas alcanzando o máis alto e mostrando a fermosura que se encerra no seu interior.
Con este domingo, que finaliza consagrando as familias á Virxe da Franqueira, con motivo do encontro das familias en Filadelfia, rematan os días grandes en Honor da Nosa Señora, ou máis ben temos que dicir, que remata un mes completo de irmandade. Teño un convencemento D. Bosco, polo menos a min, axudounos a tomar máis conciencia do labor con cada xove, de adicarnos desde o servizo, a entrega, a xenerosidade e a ledicia.
Grazas a todos os que fixeron posible todo isto, en especial aos salesianos e, como non, ao labor desinteresado do voluntariado do Santuario.

Nosa Señora da Franqueira, Roga por nós.

Javier Alonso


No hay comentarios:

Publicar un comentario